Saturday 04 de May de 2024

Os Concellos de Lousame e de Boiro colaboran na organización da cuarta ruta de sendeirismo entre as minas de San Finx e San Ramón de Bealo


O roteiro, de 12 quilómetros, terá lugar o sábado 4 de xuño. Inscricións na Oficina de Turismo de Boiro e na Oficina de Deportes de Lousame

Os Concellos de Lousame e Boiro colaboran na organización da cuarta edición da ruta de sendeirismo entre as Minas de San Finx e San Ramón de Bealo, que terá lugar o sábado 4 de xuño e que adoita reunir unha media de cen persoas. A ruta partirá este ano das minas de San Finx para rematar en San Ramón de Bealo, o que facilitará a camiñata pois o camiño será na súa maior parte costa abaixo. Trátase dun percorrido de 12 quilómetros e cunha duración estimada de 4:30 horas e recomendada para persoas de todas as idades.

A ruta ten unha cota de inscrición de 4 euros e as persoas interesadas en participar poden anotarse tanto en Lousame (na Oficina de Deportes de Lousame, no teléfono 981 820 494 ou no mail lousamedeportes@gmail.com) como en Boiro (na Oficina de Turismo de Boiro, no mail turismo@boiro.org ou no teléfono 981 842 654).

Roteiro

O punto de encontro serán as Minas de San Finx, ás 9:00 horas do sábado 4 de xuño. Os participantes que se acheguen dende Boiro sairán en autobús ás 8:45 horas. Entre as 9:00 e as 10:00 horas terá lugar unha visita guiada ao museo e arredores da mina de San Finx. Tras dúas horas de camiño, haberá un descanso no Monte Seixiño, onde os camiñantes disfrutarán dunha panorámica da desembocadura do río Beluso.

A chegada á ermida de San Ramón de Bealo está prevista para as 14:00 horas, onde se poderán visitar os petróglifos da Laxe do Agoeiro e un dos poucos muíños de río que queda en funcionamento pola contorna. Unha vez rematada a ruta, dende San Ramón de Bealo haberá un servizo de autobús que trasladará aos camiñantes de Lousame ata o punto de saída en San Finx.